Sede electrónica
Cerrar
A DEPUTACIÓN ACOMETERÁ UNHA SEGUNDA FASE DAS OBRAS DE AMPLIACIÓN DA ESTRADA DP 8001 DE CRUCES A PENABLANCA, EN SOBRADO
Noticias

A DEPUTACIÓN ACOMETERÁ UNHA SEGUNDA FASE DAS OBRAS DE AMPLIACIÓN DA ESTRADA DP 8001 DE CRUCES A PENABLANCA, EN SOBRADO

A DEPUTACIÓN ACOMETERÁ UNHA SEGUNDA FASE DAS OBRAS DE AMPLIACIÓN DA ESTRADA DP 8001 DE CRUCES A PENABLANCA, EN SOBRADO

González Formoso reuniuse con Lisardo Santos tras o seu regreso á alcaldía do municipio.

A institución provincial espera acometer este verán as obras de reparación da cuberta do claustro de peregrinos do Mosteiro de Sobrado.

 A Coruña, 7 de maio de 2018. O Presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu no seu despacho da institución provincial ao alcalde de Sobrado, Lisardo Santos, co que abordou diversos asuntos referentes á mellora de infraestructuras no municipio.

Nesta primeira reunión tras o regreso de Santos á alcaldía de Sobrado, na que tamén participou o deputado provincial Bernardo Fernández, González Formoso confirmoulle ao rexedor que o servizo provincial de Vías e Obras está a redactar un proxecto para acometer unha segunda fase dos traballos de ampliación e mellora da estrada DP 8001 de Cruces a Penablanca.

As obras darían continuidade ás xa realizadas pola Deputación da Coruña nos primeiros tres quilómetros do vial, que supuxeron un investimento de preto de 200.000 euros para ampliar a plataforma da estrada dende os 4,5 ata os 7,5 metros (8 nalgúns puntos), aproveitando a zona de dominio público existente nas marxes. Así, a Deputación da Coruña asumirá a petición a petición do Concello de Sobrado de continuar a ampliación do vial noutro tramo de aproximadamente 3 quilómetros da estrada, que chega ata o límite da provincia.

O alcalde valorou positivamente este compromiso, xa que se trata "dunha estrada principal" do municipio, que conecta numerosos núcleos de poboación e da acceso a explotacións gandeiras. O vial soporta ademais un elevado tráfico polo que Lisardo Santos considerou moi necesario ampliar a estrada e reparar o firme da mesma a efectos de mellorar a seguridade.

Próxima licitación das obras da cuberta do claustro 

Santos e González Formoso abordaron tamén outros asuntos referentes ao municipio, entre eles as obras de reparación da cuberta do claustro de peregrinos de Sobrado, cuxas obras sairán á licitación proximamente, co obxectivo de que poidan levarse a cabo durante os meses de verán. Estas obras completarán tamén as xa levadas a cabo pola Deputación na ala norte do claustro e suporán a renovación integral da cuberta con tella cerámica curva, de similares características á xa existente na actualidade.

O Presidente da Deputación e o alcalde de Sobrado trataron tamén outros investimentos do organismo provincial do municipio, entre eles os contemplados no Plan Único, que nos seus dous primeiros anos de funcionamento (POS+ 2017 e POS+ 2018) supuxeron unha inxección económica de máis de 1,5 millóns de euros e contribúen a mellorar numerosas infraestructuras e servizos municipais.