Sede electrónica
Cerrar
Xosé Manuel Budiño cabeza de cartel da XVII Feira da Troita
Noticias

Xosé Manuel Budiño cabeza de cartel da XVII Feira da Troita

Xosé Manuel Budiño cabeza de cartel da XVII Feira da Troita

O gaiteiro internacional nado en Moaña (Pontevedra) Xosé Manuel Budiño será o cabeza de cartel da XVII Feira da Troita que terá lugar os días 13 e 14 de agosto en Sobrado. 

Xosé Manuel Budiño é un artista atípico, un compositor que desperta admiración entre os seus, un creador fascinante que enraíza a súa música na tradición galega mesturada sutilmente cos sons máis contemporáneos, un músico co seu "sotaque".

Budiño ten publicado ata o de agora seis traballos discográficos. PARALAIA, ARREDOR, ZUME DE TERRA, HOME, VOLTA e SOTAQUE. As súas creacións, os seus espectáculos en directo, son recoñecidos mundialmente pola crítica especializada e afianzados con premios de prestixio entre a profesión. Budiño ten levado as súas composicións por todo o planeta, enchendo teatros de público ávido de gozar coas súas actuacións. Cidades como Shanghai, Damasco, Beirut, Casablanca, Tanger, Frankfurt, Milán, Glasgow, Bos Aires, Bogotá ou Mexico D.F. poden dar conta diso.

Budiño fórmase na Escola de Gaitas Semente Nova de Moaña e na Universidade Popular de Vigo. Máis tarde descobre o Laboratorio de Creatividade Musical de Jazz en Vigo, ao mesmo tempo que a súa paixón pola composición. Despois de traballar no eido da música tradicional galega durante anos, explora outras canles artísticas tocando a cotío con músicos de jazz, de clásica, de pop ou de flamenco e compartindo cartel e escenario con artistas como Van Morrison, Jerry González, Jorge Pardo, Capercaillie, Xoel López ou a Orquestra Sinfónica de Lorient entre outros.