Sede electrónica
Cerrar
SITUACIÓN / CONCELLO

SITUACIÓN

 

Sobrado é un municipio da provincia da Coruña e Diócese de Santiago, lindando ao norte co Concello de Curtis, ao oeste cos de Guitiriz e Friol (provincia de Lugo), ao sur cos de Toques e Melide e ao oeste cos de Boimorto e Vilasantar.

Pertence á comarca de Terra de Melide e ao partido xudicial de Betanzos. As dez parroquias do municipio distribúense abarcando os seus 126 quilómetros cadrados de extensión. O termo localízase nunha área de montaña correspondente á dorsal galega. Aquí áchase o Monte Campelo que, con 811 metros constitúe á máxima elevación de toda a provincia da Coruña.

Ten un réxime térmico e pluviométrico característico de clima oceánico hiper húmedo, con unha temperatura media anual de 8,4º C, sufrindo unha importante variación con máximas en xullo de 22º C, e mínimas en decembro de 2,3º C. É moi importante a cantidade de precipitacións anuais nesta comarca, cunha media superior aos 1200 mm.

A rede fluvial caracterízase por cursos pequenos de escaso caudal, propios dunha zona de montaña media. Nacen na súa cabeceira os principais ríos de Galicia occidental: o Mandeo, que descende ata a ría de Betanzos, onde desemboca, e o Tambre, que baixa polas rías centrais coruñesas desembocando na ría de Noia. Estamos, polo tanto, nun dos puntos de diverxencia fluvial máis destacados de Galicia.