Sede electrónica
Cerrar
Congreso de Turismo
Noticias

Congreso de Turismo "Sentir do Norte"

Congreso de Turismo "Sentir do Norte"

Mosteiro de Santa María de Sobrado, 4 e 5 de maio

Na fin de semana do 4 e o 5 de maio, o Concello de Sobrado celebrará o congreso "Sentir do Norte" no Mosteiro de Santa María, un proxecto que se consolida logo da boa acollida dunha xornada piloto que tivo lugar no 2016. Este evento, que ten entre os seus obxectivos reinvindicar a importancia da Vía Norte no movemento de peregrinación a Compostela, desenvolverá un programa orientado á aprendizaxe experiencial. Os asistentes coñecerán outros proxectos de emprendeduría arredor do Camiño e traballarán a comunicación dos seus negocios nun taller sobre redes sociais. Tamén haberá espazos participativos como a mesa redonda sobre os retos e as posibilidades que achega o Xacobeo 2021 e un relatorio sobre entornos virtuais aplicados a patrimonio e turismo.

Na xornada do domingo, Sobrado lembrará a figura do xornalista Pedro de Llano coa presentación da súa biografía "Bocelo. Crónica de un tiempo olvidado" a cargo dos seus autores e celebrará, cunha visita guiada, a recente chegada dun marabilloso activo cultural ao Concello, o Museo Bea Rey, que reúne preto de 200 obras da recoñecida artista galega. Ademais, está programada unha ruta de sendeirismo pola Carballeira da Casa do Gado, lugar escollido polo cineasta José Luis Cuerda para a rodaxe do filme "El Bosque Animado", que rematará no espazo natural protexido da Lagoa.

Formación, cultura e lecer danse cita nunha fin de semana repleta de iniciativas que buscan xerar un espazo de traballo común arredor das potencialidades do Camiño. Entre as persoas participantes estarán Rafael Sánchez e Cristina García (Xoia, Software Development), Mónica e Silvana Crisóstomo (Ideas Peregrinas), José Bascuas (Cervexa Peregrina), Irene García e Raquel Boo (Ekinocio Comunicación), Pedro e Pablo de Llano e representación do Concello, da Fundación Hermanas Rey e do Mosteiro de Santa María.

 

Pode consultarse o  programa completo na web www.sentirdonorte.com e malia que as actividades son todas de balde, é precisa a inscrición previa por cuestión de aforo e loxística.